(19/01/2007)
Despois de realizar a elección de candidato o pasado día 12 de xaneiro, os Socialistas de Ames presentaron en público o borrador do futuro programa electoral para as próximas eleccións municipais.
O acto tivo lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns o día 19 de xaneiro as nove da noite. Un acto moi concorrido onde os asistentes puideron expresar as súas suxerencias e aportacións, que serán estudadas polo equipo encargado de elaborar o definitivo programa electoral para as vindeiras eleccións municipais.
Antes da intervención de militantes e simpatizantes o equipo encargado de realizar o borrador do programa electoral expuxo, a grandes rasgos, o contido do mesmo. Cada un dos ponentes explicou o contido da área que lle tocara traballar, deixando aberta unha fiestra para as aportacións dos asistentes así como de futuras suxerencias achegadas polos veciños de Ames.
O actual alcalde, recentemente elixido de novo candidato á alcaldía, Carlos A. Fernández Castro, anunciou na súa intervención que este era un paso máis na elaboración do definitivo programa electoral do PSOE de Ames. Tamén dixo que a partir de agora calquera veciño de Ames se podía acercar as sedes da Agrupación para trasladarlle as súas ideas, suxerencias e proxectos que consideraran importante para a evolución do Concello de Ames.
Con isto, a Agrupación Socialista ábrese á cidadanía amiense coa fin de atender as súas demandas, que se verán plasmadas no definitivo programa electoral do PSOE de Ames.
Na mesma reunión, con militantes e simpatizantes, tamén se avanzou que se seguirían mantendo xuntanzas sectoriais, nos locais da Agrupación Local do PSOE de Ames, para enriquecer todo o que fose posible o definitivo programa electoral co que os socialistas de Ames se presentarán as vindeiras eleccións municipais do mes de maio.
[Pode ver fotografías do evento na sección Galería de Fotos]
|